A ‘Carreira Popular de Leiro’ chega á súa 42ª edición o 5 de xullo combinando deporte, convivencia e natureza

Xuñ 20, 2026

Unha das citas deportivas senlleiras da provincia e, tamén, a nivel de toda Galicia, celebrarase o vindeiro 5 de xullo: a Carreira Popular de Leiro. Unha proba de atletismo que, como lembraba esta mañá na súa presentación o alcalde do municipio, Francisco José Fernández, “é a segunda máis antiga de Ourense tra-la Carreira de San Martiño da cidade”. Xa son 42 edicións dunha competición aberta á participación de atletas de tódalas idades, xa que cada tramo conta cun percorrido específico que vai dende os 250 dos ‘pitufos’ ata os 10.000 metros do itinerario absoluto.

O salón de plenos da Casa do Concello de Leiro acollía o acto de presentación, coa presenza do propio Francisco José Fernández e o seu concelleiro de Deportes e coordenador da organización, Luis Iglesias, que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, e do asesor de Deportes da Deputación Provincial, Diego Álvarez, así como representantes da Garda Civil e Protección Civil, que, previamente participaron nunha xunta de seguridade para establecer os operativos e puntos de control da proba.

Diego Álvarez referíuse ao “carácter familiar que ten esta carreira na que pode participar xente de tódalas idades”, mentres Manuel Pérez salientou que “é unha das probas de máis nivel organizativo e tamén no terreo deportivo”, e agradeceu a laboura desenvolta por Luis Iglesias ao fronte da organización nestes anos, “por poñer Leiro no mapa do atletismo galego e incluso do nacional”.

Pola súa banda, Luis Iglesias comentou que nestes intres xa estaban inscritas na carreira máis de 300 persoas, cun importante incremento nas categorías de cativos, e animou a apuntarse na páxina web ‘Carreira Popular de Leiro’ e championchipnorte tendo en conta que o prazo remata o xoves 2 de xullo, co obxectivo de achegarse aos 700 participantes neste edición, que comezará ás 10,00 horas coas probas de 10 e 5 quilómetros.

O concelleiro tamén resaltou a contorna natural onde se leva a cabo a carreira, con enclaves paisaxísticos como a paraxe do Salgueiral e o paseo fluvial ou patrimoniais como a ponte medieval de San Clodio: “Un día para desfrutar do deporte en familia e do propio Leiro”.